VERBO DE ARQUIA/BOLSAS 2019

A Fundación Arquia convoca anualmente vinte e catro bolsas dirixidas a estudantes e arquitectos de titulación recente de escolas de España e Portugal destinadas á realización de prácticas profesionais en vinte estudios europeos de arquitectura, entre os cales hai 5 premios Pritzker. Nesa mesma convocatoria entréganse 1 bolsa para a realización de prácticas de xestión cultural na Fundación Arquia, 3 bolsas destinadas á realización de prácticas na Administración pública, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo en Madrid, e 2 bolsas máis para arquitectos de titulación recente destinadas á realización de prácticas profesionais na Fundación Metrópoli de Madrid. Ademais, entréganse 2 bolsas de matrícula para a participación no Campus de Ultzama organizado pola Fundación Arquitectura y Sociedad. 20 bolsas destínanse aos candidatos con mellor expediente académico e 12 aos premiados no concurso de proxectos proposto por un único xurado convidado pola Fundación Arquia para cada edición. A duración das prácticas é de 6 meses e as que sexan realizadas no Ministerio de Fomento ou na Fundación Metrópoli poden ser prorrogadas por 6 meses máis. As bolsas de matrícula teñen unha duración de 2 semanas.

O obxectivo das bolsas é dar aos candidatos a posibilidade de complementaren mediante prácticas profesionais os coñecementos adquiridos durante a súa formación, así como contribuír ao achegamento entre os eidos profesional e académico facilitando o acceso dos beneficiarios a cualificados estudios de arquitectura.
Así mesmo, o programa fomenta a mobilidade dentro de Europa, ao entendela como un factor enriquecedor do desenvolvemento persoal. A práctica realizarase, necesariamente, nun estudio de arquitectura situado nunha comunidade autónoma distinta da de residencia ou estudo da persoa bolseira.

O programa de bolsas realízase anualmente dende o ano 2000 e actualmente estase levando a cabo a XX convocatoria. Até o momento, concedéronse 411 bolsas a estudantes e arquitectos procedentes da totalidade de escolas españolas de Arquitectura.

Os estudios profesionais con que a Fundación Arquia acorda a admisión de bolseiros son seleccionados polos estudantes de escolas españolas de Arquitectura como os seus preferidos para facer prácticas profesionais nas enquisas en liña que a Fundación Arquia realiza cada 3 anos.

A Fundación Arquia subvenciona o bolseiro cunha dotación económica de 7 000 € (destinos nacionais) e 9 000 € (destinos estranxeiros). Ademais, asume os gastos de desprazamento ao lugar de prácticas e proporciónalle ao bolseiro cobertura nos termos da póliza de asistencia en viaxe e as achegas á Seguridade Social segundo corresponda.

FAQ 2019

Quen pode participar?

Poderán participar os estudantes matriculados no curso 2018/2019 que superasen nalgunha escola de Arquitectura de España ou Portugal, como mínimo, o 60 % dos créditos para obter o título habilitante para o exercicio da profesión.
Poderán participar tamén os arquitectos de titulación recente que obtivesen o título habilitante para o exercicio da profesión de arquitecto nunha escola de Arquitectura de España ou Portugal ou, de o obteren fóra, con homologación nalgún destes dous países despois do 30 de abril de 2017.
Non poderán optar á bolsa aquelas persoas candidatas que obtivesen unha bolsa da Fundación Arquia nunha convocatoria anterior.
Non poderán participar os estudantes de universidades estranxeiras que estean a estudar temporalmente nalgunha escola española de Arquitectura a través do programa ERASMUS.

Cal é o período de inscrición?

A inscrición poderá realizarse a partir da primeira semana de xaneiro até as 12.00 do mediodía (hora peninsular española) do 30 de abril de 2019 a través da páxina web da Fundación Arquia, http://fundacion.arquia.es/bolsas/Convocatoria/2019.

Como me podo inscribir?

A inscrición no programa de bolsas só se pode realizar dende o sistema de inscrición en liña enchendo o formulario específico a que se accede premendo o botón Inscrición convocatoria 2019 situado na web FQ (concursos>bolsas>edición 2019).

Cales son as modalidades de participación?

Existen 2 modos de participación: CONCURSO e EXPEDIENTE. Pola modalidade EXPEDIENTE poderase optar a realizar as prácticas nun dos 24 estudios de arquitectura mencionados nas bases, na Fundación Arquia, na Administración pública dependente do Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, na Fundación Metrópoli e no Campus de Ultzama; Pola modalidade CONCURSO poderase optar unicamente a realizar as prácticas nun dos 24 estudios de arquitectura mencionados nas bases.

Como podo participar?

Podes participar nunha das modalidades ou nas dúas á vez dentro da mesma convocatoria. Para optar tamén a realizar as prácticas na Fundación Arquia, na Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, na Fundación Metrópoli ou no Campus de Ultzama, cómpre seleccionalas, co que as persoas participantes das escolas españolas teñen 6 opcións posibles para acceder a unha bolsa na presente edición, e as persoas participantes de escolas portuguesas, 5 opcións.

  • — Caso de participar pola modalidade Concurso, o participante quedará inscrito cando marque a casa indicada para esa modalidade. O envío da documentación solicitada nas bases (ver apartado 3. 2.) realizarase dende a área privada de cada participante.
  • — Caso de participar pola modalidade Expediente para optar a realizar as prácticas nun dos 24 estudios de arquitectura, o participante quedará inscrito cando marque a casa correspondente a esa modalidade e após completar as dúas casas onde se solicitan as medias das materias aprobadas. Segundo se indica no anexo 1 das bases do concurso, calcularase, por unha banda, todas as materias aprobadas da carreira (incluídas as do Departamento de Proxectos) e, por outra banda, só as materias aprobadas pertencentes ao Departamento de Proxectos.
  • - Para optar a realizar as prácticas na Fundación Arquia, as persoas interesadas que cumpran cos requisitos detallados nas bases deberán seleccionar a casa correspondente.
  • — Para optar a realizar as prácticas na Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, as persoas interesadas que cumpran cos requisitos detallados nas bases deberán seleccionar a casa correspondente.
  • — Para optar a realizar as prácticas na Fundación Metrópoli, as persoas interesadas que cumpran cos requisitos detallados nas bases deberán seleccionar a casa correspondente.
  • - Para optar a participar no Campus de Ultzama, as persoas interesadas que cumpran cos requisitos detallados nas bases deberán seleccionar a casa correspondente.

Como se realiza a adxudicación das bolsas?

Unha vez pechada a convocatoria, comeza o proceso de preselección previo á publicación dos resultados.

  • — Na opción Expediente académico, as bolsas distribuiranse de maneira proporcional ao número de inscricións recibidas nesta modalidade por centro de estudos. Unha vez que se determine o número de bolsas por centro ou por grupo de centros, as solicitudes ordenaranse segundo a suma da media das notas obtidas nas materias superadas da carreira e a media das notas obtidas nas materias superadas de Proxectos. Desta maneira, preselecciónanse os candidatos con mellores cualificacións para cada escola ou grupo de escolas.
  • — Na opción Concurso, procederase a distribuír as dez bolsas de maneira proporcional ao número de concursantes presentados por centro de estudos. Unha vez estea asignado o número de bolsas por escola ou grupo de escolas, o xurado revisará as propostas presentadas e procederá a seleccionar as dez propostas finalistas.
    Unha vez preseleccionadas as 12 persoas candidatas pola modalidade CONCURSO, elixidas polo xurado único, e as 20 candidatas pola modalidade EXPEDIENTE, realizarase a verificación dos datos enviados na inscrición. Para iso, solicitaráselles aos estudantes participantes unha copia do expediente académico a fin de verificar o cumprimento de créditos aprobados. (No caso dos participantes seleccionados por expediente, deberase indicar que materias pertencen ao departamento de Proxectos).

Cal é a orde de adxudicación das bolsas pola modalidade Expediente académico?

En primeira instancia adxudicaranse as 12 bolsas destinadas a prácticas en estudios europeos a estudantes de Arquitectura ou arquitectos de titulación recente en función da orde de prelación da media das notas do seu expediente académico. posteriormente, e tamén por orde de prelación, adxudicarase a bolsa da Fundación Arquia entre os candidatos que seleccionasen a casa correspondente. A seguir, adxudicaranse as 3 bolsas para realizar prácticas na Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo entre os participantes que o solicitasen. As 3 bolsas outorgaranse a escolas de ámbitos xeográficos diferentes.
Posteriormente, adxudicaranse as 2 bolsas para realizar prácticas na Fundación Metrópoli entre os arquitectos de titulación recente que se interesen polo urbanismo, a innovación e o desenvolvemento da cidade que a solicitasen e seguindo a orde de prelación. As bolsas outorgaranse a escolas de ámbitos xeográficos diferentes.
En última instancia, adxudicaranse as 2 bolsas de matrícula para participar no Campus de Ultzama.

Como se elixen os estudios de destino?

Xa verificados os datos e antes da publicación dos resultados, comunicarase individualmente aos candidatos que resultasen seleccionados a obtención da bolsa.
A partir dese momento, a comunicación cos bolseiros, ademais de se realizar a través da súa área privada e por correo electrónico, tamén se poderá realizar por correo postal ou vía telefónica.
Nunha primeira instancia, a fundación solicitará aos bolseiros gañadores para realizar as prácticas profesionais nun estudio europeo de arquitectura unha lista coa orde de preferencias dos 24 estudios propostos. Após procesar a información proporcionada polos 24 gañadores, a fundación comunicará a cada bolseiro o estudio de destino.

Cando se fan públicos os resultados?

Durante a primeira semana do mes de xullo do ano corrente.

Asínase convenio de prácticas?

Si, unha vez realizada a adxudicación e antes da súa incorporación ao estudio de destino, o bolseiro asinará un convenio de prácticas coa Fundación Arquia. Enviaránselle dúas copias asinadas polo director e deberá devolver unha asinada por el/ela. Ademais, deberá enviar dende a área privada o seu currículum vítae para que a fundación llo presente ao estudio de destino.

Pode o bolseiro ser rexeitado polo estudio de destino?

Si, tanto os estudios de destino europeos coma a Fundación Arquia, a Administración pública, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, a Fundación Metrópoli ou a Fundación Arquitectura y Sociedad contan coa facultade de non aceptar a persoa bolseira, sen que esta teña dereito a indemnización de ningún tipo por parte da Fundación.

Como se realiza a forma de pagamento aos bolseiros?

En primeiro lugar, o bolseiro deberá abrir unha conta corrente en Arquia Banca e notificar o seu número á fundación. Na devandita conta faránselle os seis ingresos mensuais correspondentes ao período en que realice as prácticas.
O primeiro pagamento farase efectivo tras a recepción do comunicado de inicio do período de prácticas por parte do despacho e non antes de 15 días previos á data prevista.
Para poder efectuar o sexto e último pagamento, o bolseiro deberá entregar á fundación unha carta de conformidade por parte do despacho de destino ou da Administración pública, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, ou da Fundación Metrópoli, segundo corresponda. Ademais, deberá entregar un cuestionario e unha memoria en formato PDF en que describa a súa experiencia. Poderá obtelo e completalo dende a súa área privada. Estes documentos serán de coñecemento público a través da páxina web da Fundación.
As persoas gañadoras da bolsa para realizar as prácticas na Fundación Metrópoli poderán ampliar o seu período de prácticas até un ano a criterio da Fundación Metrópoli.
A Fundación Arquia aboaralle á Fundación Arquitectura y Sociedad os gastos de matrícula.
Alén disto, ingresaranse os gastos de desprazamento.
Todos os pagamentos estarán suxeitos ás retencións da Seguridade Social e IRPF vixentes.

Realizará a Fundación Arquia achegas á Seguridade Social?

Si, farao segundo corresponda. Ademais, proporcionará ao bolseiro cobertura nos termos da póliza de asistencia en viaxe. A tarxeta sanitaria europea necesaria para utilizar nos destinos europeos deberá ser solicitada polo beneficiario.

Cando se realiza o acto de entrega das bolsas?

O acto de entrega das bolsas lévase a cabo no mes de outubro e deberán asistir todos os bolseiros. No marco do devandito acto, realizarase un percorrido arquitectónico pola cidade elixida.

Cando se poden realizar as prácticas no estudio de destino?

A data para a realización das prácticas debe ser acordada polo bolseiro co despacho adxudicado, coa Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, ou coa Fundación Metrópoli segundo corresponda. A Fundación Arquia facilitará ao bolseiro os datos de contacto. Segundo se indica nas bases, o bolseiro deberá ter dispoñibilidade temporal para poder incorporarse ao estudio nun prazo de 6 meses dende a adxudicación da bolsa, é dicir, deberá incorporarse ás súas prácticas antes do 30 de xaneiro de 2019, agás de houber acordo mutuo co estudio ou entidade de destino. Por outra banda, como o prazo de realización de prácticas na Fundación Metrópoli ou na Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo se podería estender por 6 meses máis, asumiríase daquela a correspondente extensión da data de finalización.
Poderíase superar este prazo caso de que o despacho, a Fundación Arquia, a Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, ou a Fundación Metrópoli estivesen de acordo.

Cal é o período de prácticas?

O período de prácticas será de 6 meses e, no caso da Fundación Metrópoli e da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, este período será renovable por 6 meses máis a criterio das entidades.

Cal é a dotación económica da bolsa?

Durante o período de prácticas, a Fundación Arquia subvencionará a persoa bolseira cunha dotación económica de 7000 € (destinos nacionais) e 9000 € (destinos estranxeiros). No caso de que se renove o período de seis meses na Fundación Metrópoli ou na Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, a Fundación Arquia subvencionará o bolseiro con 7000 € máis.

Quen busca aloxamento na cidade de destino?

O bolseiro deberá buscar aloxamento na cidade de destino coa suficiente antelación, en particular nas cidades estranxeiras (polo menos dous meses antes).

Que debo facer ao finalizar as prácticas?

O bolseiro deberá enviar á fundación un texto de conformidade do estudio, da Administración pública, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, ou da Fundación Metrópoli que valide o cumprimento total das prácticas. Ao mesmo tempo, o bolseiro/a bolseira deberá completar o cuestionario e a memoria acordada en convenio que poderá obter na súa área privada. Unha vez completado o envío da documentación, a fundación procederá á tramitación do derradeiro pagamento.
Ademais, a fin de facer uso dos novos medios de difusión da plataforma web da fundación, recoméndase a entrega dun audiovisual de factura doméstica (tipo móbil) co relato da experiencia vivida durante as prácticas.
O bolseiro deberá enviar á fundación o comprobante dos gastos do billete de volta (previa conformidade sobre o seu custo) para que a fundación realice os trámites correspondentes para concretar o seu pagamento.

CONVENIOS

Co obxectivo de difundir os mecanismos que garanten a transparencia aplicada pola Fundación Arquia nas súas actuacións e procedementos, expóñense a seguir os CONVENIOS TIPO DE COLABORACIÓN que esta entidade asina con cada BOLSEIRO e cos DESTINOS onde se realizan as prácticas profesionais de arquitectura.



mi área privada