novas arquia/investigación


Acto de entrega I Bolsa Arquia/ Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Investigación 2015

03 JULIO 2015 / INVESTIGACIÓN

O pasado xoves 2 de xullo tivo lugar o acto de entrega da I Bolsa Arquia / Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Investigación en Nova Iorque 2015.

O xurado desta primeira edición, formado por Fernando de Terán (director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando), Fernando Díaz-Pinés Mateo (patrón da Fundación Arquia), Alberto Campo Baeza (arquitecto, académico numerario da Real Academia de Belas Artes de San Fernando) e Gerardo García-Ventosa (director da Fundación Arquia), reuniuse este pasado martes 30 de xuño de 2015 na sede de Arquia en Madrid. O xurado desexa facer constar as dificultades da súa tarefa, xa que á alta participación, con máis dun centenar de candidaturas presentadas, se uniu a elevada calidade de moitas delas, e lamenta que o veredicto, necesariamente restrinxido a unha elección única, obrigase a excluír propostas de moi alto interese.

Tras unha ampla e minuciosa deliberación sobre cada un dos proxectos presentados, o xurado decidiu conceder a bolsa ao proxecto de investigación "Marginalidad vertical. Del rascacielos de la ciudad genérica a la post-verticalidad", do arquitecto Pedro Colón de Carvajal Salís.

O proxecto ten por obxecto construír os argumentos e definir as estratexias que permiten á verticalidade alcanzar novas configuracións máis integradas co seu medio (cidade), e máis conectadas entre si (comunidade). É a partir deste obxectivo onde se concibe o concepto de posverticalidade, como un reflexo do cambio de paradigma destinado a mellorar a cidade contemporánea.

O arquitecto recolleu a Bolsa da man de Javier Navarro Martínez, presidente da Fundación Arquia, e Fernando de Terán Troyano, director da Real Academia, no acto de entrega celebrado na Sala de Columnas da Academia, que reuniu ao padroádego da Fundación Arquia, a académicos e a representantes das institucións do ámbito da arquitectura da Comunidade de Madrid.

A Fundación Arquia e a Real Academia de Belas Artes de San Fernando iniciaron o programa de Bolsas en Investigación en Nova Iorque en resposta á falta de apoio específico existente na actualidade para o desenvolvemento de proxectos de investigación no ámbito da arquitectura. O obxectivo do programa é crear as condicións e facilitar os medios para impulsar a investigación en arquitectura levada a cabo por arquitectos.

A bolsa permite aos arquitectos a realización dun proxecto de investigación durante seis meses, no marco dunha institución académica de prestixio en Nova Iorque, beneficiándose de residir nunha das cidades consideradas como centro de innovación, cunha grande actividade en creación cultural e difusión do coñecemento.

O prazo de admisión de inscricións para a presente edición pechouse o pasado 17 de xuño de 2015 cun total de 128 candidaturas. O éxito de participación da convocatoria constata o grande interese xerado pola iniciativa e reafirma a necesidade dunha bolsa destas características.

 

 

mi área privada