Novas arquia / próxima


La Potocine, sala de cine comunitario e autoxestionada en Ciudad Bolívar (Colombia), gaña o Premio Opinión outorgado polo público asistente.

24 OCTUBRE 2018 / PRÓXIMA

Este premio concédese á realización máis votada polo público asistente ao longo da xornada do día do festival. 

O público asistente decidiu que o Premio Opinión fose para La Potocine, sala de cine comunitaria e autoxestionada en Ciudad Bolívar (Bogotá), do colectivo Arquitectura Expandida, que estivo representado no festival por Ana López. 

A sala constrúese utilizando unha infraestrutura en chanzos existente, intervindo con guadua (bambú colombiano con propiedades estruturais) en alianza co colectivo e festival de cine comunitario Ojo al Sancocho que funciona dende hai 15 anos en Ciudad Bolívar, un dos emprazamentos urbanos máis golpeados pola violencia e o desprazamento de Colombia. Constrúese sobre solo privado cedido polo Instituto Cerros do Sur, un referente de proxecto de educación popular cuxa fundación data de 1982.

A proposta parte da necesidade de ter unha sala de cine que non só sexa un apoio loxístico ás actividades que se desenvolven no instituto, senón tamén un referente simbólico territorial: a primeira sala de cine comunitario de Ciudad Bolívar. Así mesmo, defínese como un elemento plástico e espacial de alto contido simbólico que nos permita reflexionar derredor de como tamén é condición da cidadanía o dereito a ser visto e recoñecido. O proceso de autoconstrución formúlase como unha escusa para explorar dinámicas organizativas, colectivas e intercambio de saberes entre os participantes, cunha énfase forte no proceso audiovisual.

O deseño do espazo está condicionado por moitas limitacións dun proceso que non conta con apoios institucionais de envergadura abondo, mais tamén polas ferramentas sociais, técnicas e organizativas coas que si contabamos.

Empregamos un predio, cedido polo ices Cerros del Sur, que está conformado por dúas plataformas de formigón nas que se situaban, na orixe, dúas casetas prefabricadas que formaran parte da orixe do instituto. Decídese conservar a superior, que será o acceso, a sala de talleres, a sala de produción audiovisual e a sala de son. O groso da intervención construirase no espazo no que se encontraba a caseta inferior: a Sala La Potocine.

A estrutura de guadua (bambú colombiano) con revestimento interior de tella termoacústica e exterior de policarbonato alveolar permítenos traballar os detalles e deixalos á vista, entendendo que amosar o sistema construtivo nun proceso de autoconstrución tamén é un posicionamento político. As butacas da sala de cine constrúense coa prolongación da estrutura dos cimbros que definen a bancada e con téxtiles que, cosidos por varias veciñas, conforman cómodas e versátiles «cadeiras de praia».

 

mi área privada