Novas de arquia/audiovisuais


CONVERSAS CON RENZO PIANO... PROXIMAMENTE....

18 DICIEMBRE 2017 / AUDIOVISUAIS

Cando naces nunha cidade como Xénova, creces co mar Mediterráneo de fondo, cun desexo constante de descubrir o que hai máis aló...

Presentámosvos o avance do documental «Conversaciones con Renzo Piano» da colección arquia/mestres. En breve estará dispoñible para a venda na web da Fundación Arquia. 

Renzo Piano (Xénova, 1937-). Un dos máis importantes arquitectos do noso tempo, Renzo Piano foi coautor con Richard Rogers do mítico Centro Pompidou cando ambos eran moi novos e, dende entón, desenvolveu unha carreira orientada pola innovación técnica e a sensibilidade social. A súa familiaridade coa construción permitiulle reconciliar os valores estéticos cos tecnolóxicos en innumerables obras repartidas por cinco continentes e caracterizadas pola lixeireza, a luminosidade e a dimensión cultural. Edificios titánicos e, porén, liviáns, como o aeroporto de Kansai na badía de Osaka, a sede de The New York Times ou o Shard londinense, súmanse a museos emocionantes e exactos como a Menil Collection en Houston, a Fundación Beyeler en Basilea ou o novo Whitney neoiorquino, proxectos todos que se beneficiaron do traballo coral dos seus estudios en París e Xénova, así como do apoio intelixente de clientes empeñados na excelencia. Na conversa con Luis Fernández-Galiano que se gravou na súa casa e estudio de Punta Nave, Piano percorre a súa biografía dende os primeiros pasos, marcados polo seu pai construtor ou a influencia de mestres próximos, como Franco Albini, e máis afastados, como Buckminster Fuller, Frei Otto ou Jean Prouvé, até as obras máis recentes nos Estados Unidos ou en Europa, onde se puido medir co Louis Kahn do Museo Kimbell ou o Le Corbusier de Ronchamp. Fronte ao Mediterráneo que inspira o seu espírito de navegante, o arquitecto reitera o seu compromiso cos que usan os seus edificios e glosa a súa última obra inaugurada, o Centro Botín, que se levanta fronte á badía de Santander. 

 

mi área privada