Novas da Fundación arquia


Segue en directo, a través da Fundación Caixa de Arquitectos, a VIII BIAU de Cádiz do 10 ao 14 de setembro

29 JUNIO 2012 / FUNDACIÓN

Podes ver todas as conferencias da VIII BIAU de Cádiz dende www.arquia.es/VIII-BIAU (a partir do 10 de setembro).

Os arquitectos máis destacados do panorama iberoamericano reúnense en setembro na VIII BIAU. A VIII Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo (BIAU), que promove o Ministerio de Fomento do Goberno de España, reunirá do 10 ao 14 de setembro en Cádiz máis de 40 arquitectos e urbanistas.

O seu obxectivo será reflexionar sobre a capacidade da arquitectura para mellorar a vida dos cidadáns en tres escalas diferentes: os edificios, as cidades e a paisaxe.

Segundo indicou Fomento nun comunicado, o Premio Pritzker Álvaro Siza Vieira, o Premio Nacional de Arquitectura Oriol Bohigas, o Premio á Traxectoria Profesional da VIII BIAU Juan Navarro Baldeweg e o Premio Cervantes Jorge Edwards ofrecerán as conferencias maxistrais.

Ademais das conferencias e debates con estes mestres «que son os que sinalan o camiño que outros transitan despois» terán lugar mesas redondas e conversacións con outros profesionais cuxa obra ten sido premiada na VIII BIAU e edicións anteriores, así como con outras personalidades vinculadas á arquitectura e ó urbanismo iberoamericanos, como delegados e xurados da BIAU.

«É en gran medida un resumo da produción no eido da cultura arquitectónica en Iberoamérica durante os dous últimos anos, non só sobre o que se ten construído, senón sobre o que se publicou e se investigou. Este repaso supón unha reflexión sobre a situación do labor do arquitecto, sobre a misión da arquitectura nun mundo cambiante e en realidades moi distintas. Esta diferencia entre as realidades urbanas e sociais ou xeográficas a ambos lados do Atlántico enriquecerá o intercambio».

A BIAU é unha iniciativa do Ministerio de Fomento do Goberno de España a través da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, que premia cada dous anos as propostas realizadas nos 22 países que conforman Iberoamérica, incluíndo Portugal e España, dentro das seguintes categorías: Obras de edificación, urbanización e renovación urbana; publicacións e traballos de investigación.  Ademais, recoñece a traxectoria profesional de arquitectos. Nesta edición tamén se convocaron premios para proxectos de estudantes de arquitectura e para vídeos que mostren o ollar dos cidadáns sobre as cidades que habitan.

Ademais destes premios, en cada edición celébranse unha serie de actividades académicas co obxecto de convertérense nun espazo de intercambio de experiencias entre os profesionais da arquitectura e o urbanismo dos países de Iberoamérica, así como nun lugar de debate sobre os grandes problemas que inciden na arquitectura e no urbanismo.  

Na organización da VIII edición colaboran o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, o Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España, o Concello de Cádiz, o Consorcio para a Conmemoración do II Centenario da Constitución de 1812, o Colexio Oficial de Arquitectos de Cádiz, a Federación Española de Municipios e Provincias, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas, a Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Madrid e a Fundación Caixa de Arquitectos.

 

mi área privada