Novas da Fundación arquia


House on a Haunted Hill en arquia/filmoteca

27 ABRIL 2016 / FILMOTECA

Filme de terror rodado en 1959 dirixido por William Castle, coñecido polas súas películas serie B. O interese do filme, desde unha vertente arquitectónica, reside na decisión de substituír o clásico escenario gótico das películas de terror coa icónica Ennis House de Frank Lloyd Wright situada en Los Ángeles.

Aínda que unicamente se mostran na rodaxe os exteriores da vivenda (nos interiores recórrese ao clásico decorado vitoriano), pode apreciarse claramente a construción a partir dun sistema de bloques de formigón inspirados nos templos maias.

A historia mostra a un excéntrico millonario, protagonizado polo actor Vincent Price, que convida a cinco persoas á súa mansión, onde se di que se cometeron crimes no pasado. Ofrécelles 10.000 dólares se pasan alí unha noite enteira, incomunicados, ata que volvan os criados. Os invitados non se coñecen entre si nin tampouco ao anfitrión, pero necesitan diñeiro. Así, os cinco estraños, o dono e a súa esposa permanecen na casa, na que comezan a ocorrer sucesos estraños.

Ennis House apareceu noutras películas como Blade Runner (1982), Black Rain (1989), Karate Kid III, series como Buffy The Vampire Slayer ou anuncios. O impacto da súa arquitectura fixo que se recreasen elementos orixinais na creación de escenarios para películas como en varios episodios de Star Trek: The Next Generation ou o interior do apartamento de Deckard en Blade Runner

 

mi área privada