Novas da Fundación arquia


Inicio do CMBA arquia-banca, Mestrado en Administración e Dirección de Empresas para Arquitectos, da Fundación Arquia e a escola de negocios ESADE.

21 ABRIL 2017 / FUNDACIÓN

O luns 24 de abril de 2017 iníciase o mestrado CMBA-arquia banca, Mestrado en Administración e Dirección de Empresas para Arquitectos, que desenvolveu a Fundación Arquia en colaboración coa prestixiosa escola de negocios ESADE.

O mestrado ten como obxectivo fornecer recursos persoais e capacidades de liderado e emprendemento que posibiliten novas visións empresariais caracterizadas pola análise e a innovación, ofrecendo servizos arquitectónicos distintivos e competitivos de calidade á sociedade, e adaptados á demanda actual. Todo isto, por medio do programa LEAD (coñecemento persoal), o proxecto de empresa (Action Learning Project) e sesións Manager-Forum con convidados de referencia no ámbito arquitectónico.

O mestrado ofrece formación en xestión, estratexia, emprendemento e márketing, e facilita a creación dunha rede de contactos entre profesionais e técnicos.

O Corporate MBA-Arquia Banca é un programa homologado, título propio da Universitat Ramon Llull, que outorga un diploma de 60 ECTS. O mestrado ten unha duración de 18 meses e consta dun total de 600 horas lectivas, incluídas 260 horas de e-learning. A formación terá lugar no Campus ESADE de Madrid, con inicio o 24 de abril de 2017 e remate en decembro de 2018.

A docencia estrutúrase en 5 módulos principais que se distribúen en todo o curso académico e conta con sesións con convidados de prestixio do ámbito da arquitectura e do mundo das finanzas en cada un dos módulos: comprensión da contorna; comprensión da estratexia; dirección das áreas funcionais; desenvolvemento directivo e liderado, e Action Learning Project.

Ofrecéronse 9 bolsas de viaxe aos participantes procedentes de fóra da área metropolitana de Madrid que se trasladan principalmente dende Barcelona, Valencia, Donostia, Asturias e Málaga.
Tamén se ofreceu a posibilidade de financiar o mestrado por medio do «empréstito mestrado» das oficinas Arquia-Banca.

No mestrado matriculáronse 18 profesionais con formación en arquitectura, arquitectura técnica, dereito e enxeñaría aeronáutica. Estes realizan tarefas de xestión ou directivas en estudios de arquitectura propios, medianas ou grandes empresas, ou multinacionais vinculadas á promoción immobiliaria. A media de idade dos candidatos é de 40 anos, cunha paridade de 60 % homes e 40 % mulleres. 

Esperamos que a realización do mestrado sexa unha oportunidade de fonda transformación, tanto profesional coma persoal, que cubra todas as expectativas dos profesionais que o realizan e que teña lugar nunha contorna proclive á creatividade e ao intercambio.

 

mi área privada